Nove artistas alaricanos presentan durante un mes a súa particular visión sobre a Festa do Boi, con pinturas e esculturas alusivas á tradición. As obras levan a sinatura de Xaime Piñeiro, Arturo Andrade, Vicente Escudero, Pablo Fernández, Xabier Varela, José Famos, Luchy Polo, Luis Pachón y Antonio Soria Rocafort.
A mostra é herdeira de experiencias pioneiras, as ExpoBoi de finais dos anos oitenta, que ocuparon os deteriorados espazos públicos e os baixos abandonados do casco histórico nunha mensaxe reivindicativa a prol da recuperación do patrimonio alaricano. Recuperado e revitalizado o casco histórico, esta “ExpoBoi 2016. A festa feita arte” perde aquel carácter de denuncia e preséntase nun espazo rehabilitado e dedicado dende hai anos a usos administrativos e culturais, a Casa da Paneira.
A entrada á exposición é gratuíta. Organiza a Asociación Cultural Xan de Arzúa e colabora o Concello de Allariz.