Nova obra da pintora e creadora ourensá Ana Ferreiro, '20 mujeres'. Trátase dunha colección de óleos sobre lenzo que achega unha mensaxe comprometida, pero sen afastarse un ápice da realidade.
Así o podemos ver na perfección das formas, no exacto emprego dos pigmentos que converten as imaxes reais en obras de grande solidez, pero abertas a esa historia que percebe quen se asoma á súa arte. Unha arte inmensamente necesaria para poder percibir máis aló dos retratos do Instagram, ler sobre o que nos é alleo, interpretar o que os outros, os que moitas veces están ao noso lado, senten e plasman a través da arte. En '20 mujeres' poderemos pasear por retratos que van acompañados de cadansúa historia, unha historia de loita e de traballo polas súas ideas, polos seus dereitos.
Ana Ferreiro, que forma parte da familia do Museo Municipal desde 2010, sente a chamada da pintura como medio de expresión: a súa pintura é unha forma de interpretar a realidade. E pinta mulleres porque “é muller, e feminista”.