O deseñador catalán Alfredo Palau mostra a súa orixinal colección de pezas protagonizadas polo lapis Staedtler en Detrás do Marco.
As cores vermello, negro, amarelo e branco e a inconfundible forma hexagonal do lapis Staedtler do número 2 son o leit motiv co que o deseñador catalán Alfredo Palau foi construíndo unha colección de pezas únicas (camisetas, colgantes, esculturas, pinturas...), que poderedes contemplar en Detrás do Marco por terceira vez, xa que Palau é un habitual neste espazo.
Palau (1947, Barcelona) desenvolveu unha exitosa carreira como cartelista e deseñador gráfico, cun traballo moi vinculado á Cataluña produtiva e industrial. E ese carácter forxado durante décadas en estudos para os que traballou reflíctese agora na súa proposta artística, que pode identificarse cunha particular forma de entender a arte pop. Xordo de nacemento, as letras e debuxos trazados con este modesto utensilio abríronlle as portas ao mundo, non só para comunicarse, senón tamén para facer aflorar o seu talento como artista.