Os catro museos da Rede Museística da Deputación de Lugo presentan unha nova edición de “nós+outrxs en rede”, unha mostra na que participan 9 artistas (Elvira Fente, Violeta Bernardo, Carmen Porteiro, Julio Leira, Kristopher (Kris) Dios Barreiro, Crystilandia, Laura Varela, Lucía Vila e Cristina Basanta) que nos propoñen microproxectos individuais, produto das súas particulares reflexións arredor das problemáticas de xénero. Cada artista realizará, ademais, un obradoiro co que se pretende establecer un diálogo con diferentes colectivos sensibles. As obras poderán verse nos catro museos da Rede Museística, dentro dos que ocupan diferentes espazos, entremeténdose entre os obxectos das coleccións permanentes. A inauguración terá lugar o día 7 de marzo, ás 20:00 horas, no Museo Provincial de Lugo, aínda que as actividades comezarán ás 19:00 horas cunha mesa redonda na que xs artistas falarán das súas obras e da súa visión do proxecto.
Salas, claustro e xardín do MPLugo /MPMar / MPTor / MFSPNarla (desde o 7 de marzo ao 30 de abril de 2017)
ARTISTAS
*Elvira Fente presenta un proxecto que ten como núcleo o tratamento da identidade feminina como fundamento do ser; a identidade é o que lle permite á muller suxeito tomar conciencia da súa existencia.
Na súa obra “Womanhood” descríbense situacións que permiten abrir novos debates sobre a condición feminina. Imaxes que espertan no público emocións, respostas e interrogantes. A obra divídese en tres bloques, que se corresponden coas tres etapas na vida da muller segundo a cultura celta, a inocencia, a maternidade e a sabedoría. Os debuxos son o reflexo do corpo nu da muller como xeito de sacar a muller da súa prisión corporal. Liberala e liberar o seu corpo ao mesmo tempo.
O laranxa e o violeta... Un, salvaxe, ousado e, en definitiva libre, porque representa a ilusión, a paixón e a rebeldía nun cabelo despeiteado. Outra, a cor da loita feminista, da esencia do espírito feminista. Ambas cores actuando coma escudo ante a vulnerabilidade, ante a fraxilidade moral que acompaña á física.
Os debuxos van acompañados de palabras que son poemas, poemas que son haikus. Os poemas teñen unha dobre intención, impactar con palabras sobre a ameaza que supón a vulnerabilidade do corpo feminino e permite ao corpo reaccionar contra esa ameaza.
*Violeta Bernardo participa coas súas esculturas “Muller /es” nos catro museos da Rede. Como ela mesma di: “se tivera que definir a miña obra non sabería moi ben como facelo. Diría que é a miña forma de expresar sentimentos e emocións. Con cada peza trato de contar unha historia, relatos en feminino, pode que tamén feministas. En todo caso, historias de mulleres fortes, valentes e loitadoras. As miñas “nenas” reflicten tenrura , pero apuntan maneiras das mulleres firmes nas que se han de converter. Mulleres que han de percorrer distintos camiños, que han de vivir unha e moitas vidas á súa vez”.
Nos obxectos que as acompañan condénsanse todas esas vidas. Un simple zapato ou unha maleta é unha historia de vida.
O mundo feminino, o meu mundo, está cheo de formas e matices, de sensibilidade e sentimento. Coas miñas obras trato de crear beleza como forma de chegar ao corazón e transmitir emocións.
*Carmen Porteiro co título “Non son ninguén” presenta unha serie fotográfica que xorde a partir dunha interpretación en formato audiovisual da obra de Maruja Mallo (postaleando, 2014) e da reflexión de Tania Balló sobre “Las sin sombrero”, un grupo de mulleres, entre as que se atopa Mallo: “Ao igual que eles volveron do exilio como heroes, elas atopáronse co máis profundo dos esquecementos: non eran ninguén”. “Non son ninguén” é unha crítica á ausencia da muller na sociedade actual, que continúa a ser invisible, que é menosprezada e tratada como un espectro, que está pero non ten voz ni presenza.
*Julio Leira participa cunha serie de fotografías da súa colección “Vida cotiá” en distintos países, especialmente en Senegal, coas que trata de captar a esencia das persoas na súa vida cotiá. PD. “Unha imaxe vale máis que mil palabras”.
*Kristopher (Kris) Dios Barreiro, nado en A Coruña como muller o 6 de decembro de 1975. Aínda que sempre lle gustaron as artes plásticas, nunca recibiu educación "formal" ao respecto. O debuxo sempre foi un pasatempo sen máis pretensións que "pasar o tempo". Tras fracasar e abandonar o instituto, decidiuse a estudar secretariado (profesión que xamais exercería) así como diversos idiomas, titulándose en inglés e francés na EOI da Coruña. Clinicamente deprimido dende os 16 anos e tras unha vida de constantes altibaixos, en 2014 diagnosticáselle finalmente "disforia de xénero" o que supón un punto de inflexión. Nese contexto de incerteza comeza a pintar e a recibir clases formais, descubrindo así non só o seu talento senón tamén a súa vocación. A través da arte consegue canalizar as súas emocións e enfrontarse con seguridade e optimismo a algo tan difícil como a "transición" na súa idade adulta. Vocal da asociación Amizando, de recente constitución, pensada e dirixida cara o colectivo LGTBIQ+ con especial atención ás persoas trans e as súas familias.
"The Wall" é unha das miñas primeiras obras. Foi máis un exercicio de auto-expresión que unha obra en si mesma, aínda que foi presentada ao concurso de pintura "Paco Merino" en 2014. Foi realizado na miña “peor” época: acababa de descubrir que era trans e non sabía como enfrontarme a elo... e nin sequera se quería facelo. É unha obra conceptual, representa un muro no que se reflicten, a modo de graffiti, diferentes emocións ...
*Crystilandia presenta a súa obra “Corazón desarraigado busca ...” Hai tempos nos que un corazón debe desarraigar ... desprenderse das vellas follas e alzarse a voar, espallando novas sementes, para así atopar ... un novo fogar no que botar RAíCES.
*Laura Varela con “Suspiro” explora o efémero e, ao mesmo tempo, eterno que é o sentir. Un bico é unha elipse de sensacións que nos transportan e nos devolven ao mesmo lugar no que nos atopamos nun intre da nosa existencia. Catro imaxes que dialogan entre si cun haiku como refrán, como enlace, coma un latexo como a respiración...
Efímera piel:
respiro destellante
tu soplo suave
*Lucía Vila e Cristina Basanta despois de traballar no proxecto Raíces, deciden continuar explorando conxuntamente. O interese polo traballo colectivo, a unión como raíz. A Mariña, o seu lugar de encontro. Enlazadas entre a paisaxe, o mar, as algas, a area, os cristais, as pedras … En definitiva, historia aberta, memoria cosida e atada. A vida, as mulleres, as nais, as avoas; o tempo, o corpo, o espello, o reflexo… Esta obra é un tríptico común, un punto de unión. O meu, o teu, o noso ... Unidas son máis, son comezo, son nó e son desenlace.
OBRADOIROS COMUNITARIOS
En paralelo á exposición “NOS+OUTRXS en rede”, nos catro museos da Rede Museística levaranse a cabo diversas actividades dirixidas ás comunidades coas que a Rede leva tempo traballando, e serán coordinadas e xestionadas polxs propixs artistas colaboradorxs.
-Cristina Basanta e Lucía Vila
Propoñen dous obradoiros “Cadernos de vida”, exploración do noso interior a través da arte, e “Labirinto emocional”, bosquexar, elaborar, facer, trazar, construír, crear, producir, discorrer, imaxinar un labirinto emocional que levamos enraizados, creando un espazo conxunto onde compartir as emocións plasticamente.
-Crystilandia e Laura Varela
Xuntas presentan o obradoiro artístico “Eu son” con temática de xénero destinada a persoas con distintas capacidades.
-Carmen Porteiro
A partir de “Non son ninguén” proponse un obradoiro fotográ?co cunha finalidade concreta: conseguir esa visibilidade a través da fotografía. Estudiaranse e traballaranse as técnicas fotográ?cas relacionadas coa nitidez na captura do movemento. Varrido / Zooming ou efecto zoom/ Exposicións prolongadas/ Lightpainting...
O control do tempo é a clave a nivel técnico e servirá tamén como punto de partida para a re?exión.
-Elvira Fente
Obradoiro de “Técnicas de empoderamento a través da escrita”. O obradoiro consistirá en dar a coñecer e poñer en práctica o uso da escritura como ferramenta de empoderamento. A sesión estará dividida en dúas partes. A primeira, teórica, na que se exporán técnicas que permiten o achegamento á escrita e o apoderamento a través da palabra. A continuación, ofrecerase una guía de cuestión que axudará a activar a conciencia individual e a construír o poder arredor do corpo, e a aprender a analizar emocións ou vivencias. A segunda parte será de carácter práctico. Aplicaranse os coñecementos expostos na primeira parte do obradoiro.
-Violeta Bernardo
Propón o seu obradoiro titulado “Escultura cerámica comunitaria” no que se traballará coa arxila nun proxecto de grupo, e ao remate farase un mural no que se integren as pezas de todos os obradoiros
-Julio Leira
Levará a cabo un obradoiro sobre “Diversidade, fotografía e diálogo intercultural”.
-Kristopher Dios
“A arte como terapia” é un obradoiro no cal, en contra da crenza popular de que crear arte é un privilexio só duns poucos, tenta facer ver que é algo ao alcance de todos, e poñer de relevo o seu potencial “curativo”. En momentos difíciles da nosa vida, crear arte pode resultar tremendamente útil como ferramenta de auto-coñecemento, de análise e sobre todo como terapia. Exporanse distintas técnicas e probaremos como a súa posta en práctica pode resultar unha experiencia moi enriquecedora a todos os niveis.
Luns a venres: 9:00 a 21:00 h.
Sábados: 10:30 a 14 e de 16:30 a 20 h.
Domingos e festivos: 11 a 14 h.
Entrada gratuíta
en Facebook esta exposición | comparte en Twitter esta exposición | Como llegar |
|
TODAS LAS EXPOSICIONES DE ESTE ESPACIO
|